Murais Viladomar

Reforestando. Hypericum perforatum, Doa

En Rianxo a planta protagonista é medicinal, chámase hipé
A artista Doa comezou no ano 2014 co proxecto chamado “Reforestando” que dende os inicios tiña a idea de transformar espazos abandonados ou deteriorados (ao principio máis no entorno natural, porque era unha idea de camuflar edificios) e desois xa foi evolucionando a centrarse na parte máis botánica e querer facer ilustracion botánica de diferentes plantas. Doa non parte do mundo graffiteiro, senón da práctica das belas artes e o audiovisual, pero comeza a achegarse ao muralismo desde o seu paso por Lisboa coas intervencións feitas con stencil que chaman a atención cun “abre os ollos”. Dentro do seu proceso de configuración das propostas que forman parte deste proxecto máis longo e que vai extendendo nas súas intervencións murais, primeiro investiga sobre a a vexetación do lugar, desde plantas autóctonas ou endémicas, porque ás veces hai casos de plantas protexidas porque están en perigro nesa zona en concreto, ou tamén pesquisa sobre a relación desa vexetación coa vida da xente, se hai algunha planta que teña algunha relación especial, sexa a través da alimentación, ou da medicina ou tamén mística ou relixiosa. Despois da investigación, Doa fai unha selección en función das cores que teña a planta, á que lle vexa máis posibilidades, acordes ca parede, ou ca paleta cromática do lugar e a súa contorna. En Rianxo a planta protagonista é medicinal, chámase hipérico, hypericum perforatum o nome científico. A imaxe configurouna cunha soa planta pero combina diferentes posicións e elementos da planta. Dun lado vense so as follas, doutro lado as flores e debuxos de ilustración botánica que fan seccións das flores. Entón ten partes máis abstractas e iso é un recurso habitual na súa práctica: pintar as plantas como descompostas en diferentes partes, como se fora unha ilutración de estudio botánico, está inspirada nesa estética. A Casa da República ubícase na parroquia de Isorna, e sitúase nun lugar privilexiado a nivel de paisaxismo e vistas do leito do río Ulla. Na década dos anos sesenta e setenta, e incluso nos oitenta, era habitual ver navegar grandes barcazas cargadas de area. Era unha actividade emerxente que naceu baixo o paraugas da construción, pois as obras, tanto públicas como privadas, comezaban a alorar por todos os municipios da comarca e Galicia. Foi unha actividade moi importante e que deu de comer a moitas persoas. A area era o material máis utilizado e tamén o máis barato. Estaba ao alcance de case todos nos ríos. Só había que poñer os medios necesarios para sacala e poñela á venda. Mariñeiros e veciños de Isorna, foron os pioneiros en explotar este recurso. Reconverteron barcazas e incluso crearon melloras nos sistemas de extracción e facer máis fácil esta actividade. En Isorna aínda se poden apreciar restos dunha actividade que deu de comer a máis de cincocentas persoas da zona. Barcos abandonados e grúas oxidadas son testemuñas dunha economía que tiña como principal nexo de unión o leito do río Ulla. Co paso dos anos, a situación foi cambiando e mellorando. Os empresarios puxeron culleres a bordo e comezaron a instalar as coñecidas chuponas, uns aparatos que succionaban os áridos e en quince minutos cargaban a cuberta. Os puntos de venda fóronse instalando ao longo do río na parte de Rianxo e chegou a haber até catro lugares distintos. Outro porto de referencia foi o de Pontecesures, onde os empresarios de Isorna tamén foron pioneiros. Houbo épocas nas que até uns vinte barcos percorrían o Ulla cada día co prezado material, e daba traballo a preto de cen persoas entre as que ían a bordo e as que estaban en terra, sen contar aos transportistas que percorrían toda Galicia co material procedente do río. O negocio ía vento en popa até que chegou a época dos anos 80. A actividade marisqueira non era todo o boa que os mariñeiros querían. A produción ía a menos e entón as miradas dirixíanse cara as naves que se dedicaban a remover os fondos dos ríos e extraer áridos. As mobilizacións dos mariscadores comezaron en Carril. Pouco a pouco a súas queixas foron a máis e as mobilizacións chegaron até os políticos que coa presión exercida, apostaron por eliminar unha actividade moi importante para todo o territorio do Baixo Ulla e da que vivían decenas de familias (+info en obaixoulla.gal). A Casa da República é unha edificación dedicada a centro sociocomunitario, no lugar de Sestelo, que desde 1996 leva o nome do crego e poeta antifranquista Faustino Rey Romero. Trátase dun volume de planta rectangular e dous andares, con cuberta a dúas augas de tella. Está resolta con muros de cachotaría de pedra vista no primeiro andar e cerramento de ladrillo enfuscado e pintado no segundo. Ocos rectangulares verticais na planta baixa con carpintería de dúas follas de madeira, e horizontais con carpintería de aluminio na planta superior. Acceso en planta baixa mediante porta alintelada de madeira situada nun extremo da fachada noroeste. Faustino Rey Romero naceu na Lagarteira, Sestelo, parroquia de Santa María de Isorna, o 27 de outubro de 1921. Foi ordenado sacerdote no ano 1948 e deu a súa primeira misa en Isorna. Licenciouse logo en Teoloxía pola Universidade de Salamanca. Rey Romero non era cómodo para a xerarquía eclesiástica: tiña fillos que o trataban de pai e non de padre nin tío, sen escándalos dos fregueses, mais si da xerarquía. Crego antifranquista e progresista da liña do Concilio Vaticano II, defensor do idioma galego na liturxia e na escrita, o seu estilo de vida e crenzas derivarían en problemas co bispado. Logo de ser forzado a un desterro voluntario, viuse obrigado a exiliarse en Bos Aires en 1966. O 20 de decembro de 1987 as cinzas de Faustino Rey Romero chegaban a Isorna coa finalidade de descansar para sempre no seu pobo natal.