Murais Viladomar

Eu quero o gaiteiro da muller, Yoseba MP

O artista de Cambre volve achegarse á cultura popular galega para construír unha homenaxe á figura de Maruxa e José, integrantes de Os Rosales, unha familia fundamental na tradición musical de Asados e no desenvolvemento da música popular na contorna de Rianxo.
A obra representa a Maruxa e José despois de anos compartindo música e escenario en familia. Ela aparece coa pandeireta e el coa gaita, nun xesto de celebración no que ambos elevan os seus instrumentos, transmitindo alegría e orgullo polo camiño percorrido xuntos. Maruxa simboliza ademais un fito importante no seu contexto, ao incorporarse á música nun tempo no que a presenza das mulleres nos grupos profesionais de música tradicional era pouco habitual, sendo ademais das primeiras mulleres que se poñían á fronte dunha agrupación musical.

Ao fondo aparece a Igrexa de Asados, reforzando a conexión directa co lugar e situando a escena na súa contorna real, como parte esencial do relato.

Fiel á súa linguaxe, Yoseba constrúe unha escena de realismo pop cunha pincelada solta e luminosa, na que o retrato se combina coa paisaxe e coa memoria colectiva. As súas composicións converten historias locais en imaxes claras e recoñecibles, cunha forte carga narrativa e emocional.

O resultado é unha escena vibrante na que música, territorio e memoria se funden nunha mesma imaxe, convertendo este momento da historia de Os Rosales nunha celebración visual do seu legado.