2025
Xoana mergúllase nesta ocasión nunha linguaxe pictórica que vén desenvolvendo nos últimos anos en muros de España e Europa. Cun estilo marcado pola sensibilidade e a intensidade do xesto, a mancha e o trazo adquiren un papel central, poñendo en valor a forza esencial da creación.
A protagonista do mural é unha figura feminina misteriosa, de mirada intensa e xesto protector. A súa forma desprégase entre o figurativo e o abstracto, cunha linguaxe visual na que as liñas e manchas se descompoñen e evolucionan nunha danza cromática de grande liberdade. O conxunto incorpora tamén referencias á esencia creativa da infancia, en diálogo directo co contexto da escola unitaria do Pazo.
A colaboración con Lúa Gándara reforza este proceso como unha experiencia compartida, na que o traballo en rede e o intercambio entre artistas se converten nunha parte fundamental da obra. Esta dimensión colaborativa pon en valor a importancia da comunidade artística e social como motor de crecemento e evolución conxunta.
O resultado é unha composición harmónica en cor e forma, aberta á interpretación, que combina a sutileza do xesto pictórico cunha presenza poderosa e simbólica da figura representada.