2019
A «Pendorella», un curioso pasadizo dende «A praciña»
Na zona portuaria, á que accedemos atravesando a “Pendorella”, un curioso pasadizo dende “A praciña”, atopámos a Capela de San Bartolomeu, orixinariamente situada nun illote que, tras os sucesivos recheos portuarios, foi incorporada a terra firme. Este santo, protector das xentes do mar, era obxecto dun curioso rito por parte dos mariñeiros rianxeiros: o patrón da embarcación cando navegaba á altura da Capela, ordenaba á tripulación: “Alsa remos, fora boinas, veña un credo”, agardando así que Santo Bartomeu os provese da súa protección divina.
Unha vez no porto, podemos recorrer o Paseo de Manuel Antonio, denominación que ten toa a fachada marítima da vila, presidido, en terra, pola liña de xardíns onde se atopan os monumentos na honra da “Manuela”, de Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, A Rianxeira, Rosalía de Castro e Brea Segade, desembocado no porto de Setefogas. Xusto neste lugar ten inicio un amplo e atractivo Paseo Marítimo que une a vila de Rianxo coa Praia da Torre (Taragoña).
Podemos tamén, dende o porto, continuar a liña de costa polo Parque Galicia, ampla zona con xardíns, fontes e surtidores, camiñando ate o final da zona portuaria, onde se atopa o Club Náutico e alí coller un pequeno e fermoso sendeiro que nos conducirá, ente piñeiros e co mar sempre á vista, ata a praia de Tanxil (+info en obaixoulla.gal).
Desde o final do espigón portuario hai unha fermosa panorámica da fachada marítima de Rianxo e da Serra do Barbanza, así como das diferentes embarcacións que compoñen a flota rianxeira: bateeiros (barcos utilizados no cultivo do mexillón), pequenos barcos do cerco e botes de pesca artesanal e marisqueo, así como un pequeno grupo de barcos e botes tradicionais, entre os que destacan a xeiteira, a lancha de relinga aparellada como balandro (+info en obaixoulla.gal).
A Ribeira foi o centro neurálxico da infancia de Manoel Antonio. A súa casa natal daba, pola parte de atrás, ao mar. E a familia tiña un galeón para traer mercadorías desde Vilagarcía. É a mesma paisaxe que se ve desde a fiestra baldeira da casa de Rafael Dieste. Aí estaba a taberna do Melón, os vellos e novos mariñeiros, as voces purificadas polo mar das pescas, os nenos bañándose ou xogando nos botes, os pataches, galeóns, dornas e lanchas xeiteiras. En moi poucos metros coinciden esculturas dedicadas a Rafael Dieste (concretamente ao seu libro Dos arquivos do trasno), a Castelao e á mítica xeiteira Manuela, gañadora das regatas na ría. Aquí Manuel Antonio deulle, entre a calima e traspondo o seu ollar, o manuscrito de De catro a catro a Rafael Dieste, intermediario co editor, para, deseguido, escribir Viladomar, a súa despedida desta ribeira e, xa que logo, do mundo e da poesía.
Situándonos diante da escultura da “Rianxeira”, realizada polo artista Buciños, cabe destacar os dous elementos máis importantes ós que se fai referencia en practicamente tódalas coplas: a Virxe de Guadalupe e a figura da rianxeira. A rianxeira é a muller traballadora do mar, “descalciña pola area da Ribeira”, mentres agarda para encher a patela co peixe chegado nas lanchas dos mariñeiros, disposta a levalo para a súa venda. A Virxe de Guadalupe, coñecida e venerada dende hai moitísimo tempo en Rianxo, identifícase no folclore popular coma unha rianxeira máis, humanizada coma unha vecña máis de Rianxo; humilde, protectora dos traballadores e traballadoras do mar. A Rianxeira é unha homenaxe á muller de Rianxo a través da figura da Virxe de Guadalupe.