2025
Na fachada da antiga escola unitaria do C.R.A. de O Pazo, Lúa leva por primeira vez ao formato mural unha linguaxe artística que foi construíndo e madurando ao longo dos anos. A súa obra, vinculada á abstracción e ao xogo coa cor e as formas, chega a Viladomar cunha naturalidade que fai que pareza formar parte da paisaxe desde sempre.
Durante a súa estadía na Vila do Mar, a artista observou o entorno, escoitou historias e deixou que o lugar dialogase co proceso creativo. Desa relación xorden referencias ao castelo co que comparte nome, á fauna e á vexetación da contorna, así como a elementos imaxinados que conviven libremente na composición.
Animada por Xoana Almar, Lúa achégase ó espazo público como unha oportunidade para compartir o proceso coa veciñanza, abrindo a obra ás conversas, ás interpretacións e ás distintas miradas de quen pasaba por diante.
O resultado é unha intervención aberta e evocadora, un xogo de formas e cores que convida a mirar con calma e a descubrir novas lecturas en cada observación, porque, como comentou unha veciña durante o proceso: “cada un ve o que quere ver; isto é un xogo”.