2021
É un monumento a favor da natureza, inspirada no mar, na xente do pobo, nas mulleres traballadoras
Neste caso falamos dunha escultura, non de unha pintura mural, i é que dentro da arte urbana e da arte pública existen todo tipo de técnicas e formatos tanto a nivel de tratamento de imaxe como de intervención espacial. Aquí temos unha escultura de bulto redondo, o que significa que é un volume único e que está rodeado de espacio arredor.
O artista desta peza chámase Tucho Abalo, e titulou a súa obra como “A Rianxeira do Sol Nacente”, é un monumento a favor da natureza, inspirada no mar, na xente do pobo, nas mulleres traballadoras, neste caso na figura da “rianxeira”, tamén chamada “pesca”, que está formada por plástico reciclado. Previamente fíxose unha recollida de residuos botados polo mar. Este proceso deriva dunha primeira posta en práctica do monumento chamado “A costa de todos”, feito en Boiro, que é un dos primeiros monumentos onde este artista convocou á xente a colaborar na limpeza do medioambiente para crear unha obra nutrida co traballo e coa transformación dos materiales. Tucho Abalo creou un monumento á forza e á vitalidade da xente do mar. É unha obra que mira directamente ao nacemento do sol e a cada comezo de día recórdanos que somos quen de transformarnos.
A forma está basada na figura clásica da “rianxeira” co cesto na cabeza, pero aquí está liberada do cesto xa despois do traballo, polo que se trata dun momento de liberdade. É unha Rianxeira que xusto acaba de rematar o seu traballo e está lista para ir á festa.
E ao mesmo tempo, a forma da escultura é tamén a dun peixe que entra nun mar, nun océano de redes, no medio do asfalto. Levántase tres metros sobre o nivel do chan esta figura metade peixe e metade humana, que se estira levantando os brazos e as escamas ben alto nun berro xordo que só se escoita se a observamos de frente. Aos ollos.
Se o facemos, se a rodeamos poñendo moita atención, chegaremos a intuir as formas curvas e salgadas dunha marea brava que se superpón ás redes e fai que delas medren prantas e flores ó seu redor. Pero hai que estar moi atentos, e saber escoitala. Guiadevos ben polo que vos diga a Rianxeira do Sol Nacente.
Tucho Abalo transforma os residuos apañados nas praias e montes para convertilos en formas volumétricas cargadas de conciencia pola natureza e técnica constructiva. As súas esculturas xogan con materiais diversos que moi poucas veces son o que parecen, o que fai reconsiderar a nobreza do material e comezar un diálogo co espectador onde a atención se centra na sinuosidade da peza e a multiplicidade de significados, miradas e formas de lectura.
Con máis de vinte anos de traxectoria na creación escultórica, ten feito proxectos tanto en Galicia como no norte de Europa, e continúa a exploración dos límites da súa propia técnica.