Artistas Viladomar

Camilo Seira, escultor e pintor

Camilo Seira (Seira, Rois) é un escultor e pintor galego que comezou a súa formación artística como aprendiz no taller do escultor compostelán Fernando García Blanco, etapa na que se achegou ao dominio da escultura tradicional e ao traballo directo coa materia. Posteriormente graduouse en Artes Aplicadas na especialidade de Técnicas de Volume na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela e licenciouse en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Tamén exerceu como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio antes de dedicarse por completo á creación artística.

A súa traxectoria está moi ligada á natureza, aos animais e á relación entre o ser humano e o mundo natural. Impulsou en 2018 o certame de arte Land Art en Seira, un proxecto que pon en diálogo creación artística e contorna, e desenvolveu tamén propostas ligadas á educación artística e ao coñecemento dos materiais naturais.

Emprega a talla e manipulación directa da madeira, a pedra e outros elementos orgánicos, para aproveitar as formas, texturas e marcas propias de cada material. Traballa desde unha combinación entre a forza das ferramentas e a precisión do acabado, incorporando en ocasións materiais pouco convencionais como musgo, coiro ou elementos de orixe natural. O resultado son pezas nas que a materia conserva parte da súa historia e participa activamente no significado da obra.

A súa escultura ten un marcado carácter simbólico e primitivista, con referencias á relación ancestral entre as persoas, os animais e a paisaxe. As súas pezas exploran os ciclos da natureza, a transformación e a conexión co mundo rural, creando un universo propio no que a escultura parece xurdir da propia materia.

📍 Igrexa Santa Columba de Rianxo
Outras obras

Datos de interese da artista